O centro comercial As Cancelas alcanzará esta semana o seu cliente 1.500.000

29 de xaneiro de 2013

O centro comercial entregará un regalo ao visitante millón e medio que cruce a porta.

Esta semana, As Cancelas alcanzará o millón e medio de clientes, unha cifra récord que mostra a excelente acollida que o centro comercial tivo por parte dos composteláns. "Estamos encantados co número de visitantes e co recibimento que nos dispensou esta cidade", sinala o xerente d As Cancelas, Abraham Cano. “E para celebralo queremos entregar un regalo moi especial a esa persoa que cruce a porta do centro como cliente millón e medio, algo que segundo os nosos cálculos se producirá esta última semana de xaneiro”. Para iso, a partir de mañá, luns 28, persoal de As Cancelas estará atento á porta de entrada ao centro para localizar o afortunado cliente e entregarlle o seu obsequio.

O xerente de As Cancelas destaca que as expectativas respecto á boa marcha do centro se están a cumprir de sobra. “Estamos a lograr o obxectivo para o que naceu As Cancelas: converter o centro comercial no mellor espazo de ocio, compras e servizos para todos os públicos. Ter alcanzado xa un número tan importante de visitantes en pouco máis de dous meses dende a apertura anímanos a seguir traballando para ofrecer cada vez máis cousas aos nosos clientes e mellorar día a día", subliña Cano.

Entre as novidades do centro, cabe salientar a próxima apertura de tres novos establecementos de restauración na planta alta e a consolidación do programa de actividades. "A resposta dos usuarios está a ser impresionante. As actividades que realizamos, como a recollida de doces solidarios, ou o concurso de debuxo infantil, foron un éxito, e a comunicación cos nosos clientes a través das redes sociais mostra que imos no bo camiño, pero sempre queremos mellorar", sinala Cano.
"Xa somos un millón e medio, pero queremos ser máis", agrega o xerente de As Cancelas. "Por iso animo a todos os que aínda non nos coñezan a que veñan. A tomar un café, a cear, ao cine, a comprar un capricho ou a aproveitar as ofertas do noso supermercado. Ou simplemente a pasar uns bos momentos en familia ou con amigos".

Ás Cancelas, o novo referente de ocio e comercio en Santiago e a súa área, conta con máis de 50.000 metros cadrados distribuídos en tres plantas destinadas a actividades comerciais. Na planta baixa sitúase un hipermercado Carrefour xunto con outros locais ocupados por firmas de recoñecido prestixio. A primeira planta alberga fundamentalmente firmas de moda e complementos e na segunda encóntranse oito salas de cine e unha ampla e atractiva oferta de locais de ocio e restauración. As Cancelas dispón de 2.150 prazas de aparcadoiro gratuítas e tres liñas de autobús urbano chegan ata o centro: a C2, a C4 e a C11.