Doces ‘solidarios’ en As Cancelas para axudar a un neno de sete anos que padece unha enfermidade dexenerativa

10 de xaneiro de 2013

A asociación ferrolana ‘Yo colaboro por una sonrisa’ e a firma compostelá ‘La reina de las tartas’ organizan o evento, que terá lugar o sábado 12 de xaneiro.
A iniciativa pretende reunir doces elaborados por profesionais e afeccionados de toda España para vendelos no centro comercial e destinar a recadación ao tratamento do pequeno.

Abraham Presa Alba é un neno de Málaga de sete anos que sofre adrenoleucodistrofia, unha grave enfermidade dexenerativa. Para deter o proceso de deterioración da súa saúde é necesario un delicado transplante de medula ósea, e é en Estados Unidos onde traballa o equipo de especialistas médicos capaces de realizala. Trátase dun tratamento moi custoso, polo que a familia e amigos de Abraham puxeron en marcha unha campaña destinada a recadar os fondos necesarios. 

Difundida a través das redes sociais, a marea de solidariedade con Abraham chegou a Galicia e agora ao Centro Comercial As Cancelas. A firma compostelá La reina de las tartas e a asociación ferrolá Yo colaboro por una sonrisa puxeron en marcha unha iniciativa destinada a recoller doces de todo tipo, elaborados por profesionais da repostaría ou por simples afeccionados, para a continuación vendelos ao público a un prezo simbólico e destinar a recadación ao tratamento do
pequeno Abraham.

A recollida de doces solidarios xa se iniciou, pero terá o seu punto culminante pasado mañá sábado, día 12. Nesa data, as persoas interesadas en contribuír poderán levar os seus doces a As Cancelas. Biscoitos, rosquillas, galletas... Admítese calquera tipo de sobremesa, por sinxela que sexa. Os promotores da iniciativa poñeranas á venda ao longo de todo o día. Achegarse ao centro comercial e adquirir un destes doces solidarios será a outra forma de colaborar.