As Cancelas celebra o día do Medioambiente cunha exposición dedicada á reciclaxe e a segunda vida dos produtos

04 de xuño de 2015

A iniciativa busca concienciar á cidadanía santiaguesa, e en especial aos máis pequenos, sobre a importancia da reciclaxe.

As Cancelas acollerá a exposición Planeta Reciclaxe dende o 5 ao 21 de xuño nas súas instalacións co obxectivo de concienciar aos visitantes sobre a importancia e as oportunidades da reciclaxe.

A aprendizaxe levarase a cabo de forma dinámica, grazas a uns Colectores Interactivos representados nuns clásicos colectores de reciclaxe (verde, amarelo e azul) que inclúen pantallas táctiles nas que, a través dunha aplicación informática, se recollen curiosidades e datos interesantes sobre a reciclaxe.

De igual modo, a planta 1 de As cancelas albergará unha Casa Reciclada, na que se recreará unha vivenda común con elementos reciclados que xogan un papel fundamental, tanto no relativo á decoración coma ao uso diario.

A exposición completarase cunha mostra de Robots Mariños, que se instalará na planta 2 e na que cobrarán vida unha serie de criaturas mariñas creadas con material reciclado. Estas figuras contarán con mecanismos que se activarán con sensores de movemento, permitindo ao público interactuar con eles.

En paralelo, organizaranse unha serie de obradoiros de reciclaxe que, en horario de 17:00 h a 20:00 h os venres e de 12:00 h a 14:00 h e de 17:00 h a 20:00 h os sábados, permitirán descubrir novas ideas relacionadas coa reciclaxe a partir de materiais que se poden encontrar en calquera fogar e recibir en vivo os trucos e consellos de todo un artista plástico.