As Cancelas acollé a exposición "Miradas", da Fundación Down Compostela

26 de decembro de 2012

A mostra, que permanecerá no centro comercial ata o 6 de xaneiro, reúne 27 fotografías que reflicten o día a día de persoas con síndrome de Down.
Os días 26 e 28 de decembro voluntarios da ONG estarán en As Cancelas para informar sobre as actividades de Down Compostela e vender o calendario solidario.

As Cancelas acolle a exposición Miradas, da Fundación Down Compostela. Trátase dun proxecto que ten por obxectivo sensibilizar a sociedade e demostrar que "entre as persoas con e sen discapacidade son moitas máis as semellanzas que as diferenzas". Para iso reúne 27 fotografías e agrúpaas en cinco temas que mostran diferentes aspectos do día a día de persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual. A mostra foi inaugurada o día 24 e poderá verse na terceira planta do centro comercial ata o 6 de xaneiro.

Ademais da exposición fotográfica, o proxecto Miradas, posto en marcha este ano por Down Compostela, inclúe a edición dun calendario 2013 e unha campaña de comunicación para sensibilizar a sociedade e recadar fondos. Voluntarios da ONG estarán en As Cancelas os días 26 e 28 de decembro para vender exemplares do calendario e informar sobre as actividades da organización.

Na exposición Miradas participaron os fotógrafos profesionais Cristina de Middel, Óscar Dacosta, Rafa Pasadas, Moncho Rivadulla e Luis Díaz. De forma altruísta, os cinco aceptaron o reto de reflectir en imaxes a súa particular forma de ver as persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual.

Cristina De Middel reflectiu algunhas das actividades que realizan os máis pequenos que acoden habitualmente á Fundación Down Compostela. Óscar Dacosta mostra a autonomía das persoas con síndrome de Down, dende que son pequenos ata que están a traballar. Moncho Rivadulla captou a expresividade e entusiasmo con que algúns nenos e nenas acoden a clases de música e a súa capacidade creativa. Rafa Pasadas ensínanos como a vida en parella tamén é unha realidade para moitas persoas con discapacidade. Finalmente, Luis Díaz fotografou as diferentes e variadas afeccións que teñen os protagonistas desta exposición.

 

Acerca de Down Compostela

A Fundación Down Compostela é unha ONG que ten por obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual. Actualmente presta apoio a 105 familias que residen en 35 municipios da área de influencia de Santiago.