As Cancelas acollerá as ‘Xornadas de sensibilización na comunidade’ de Sarela, Asociación de Dano Cerebral de Compostela

14 de decembro de 2012

As actividades desenvolveranse os días 18 e 19 de decembro e incluirán un mercadiño.

 
As Cancelas acollerá a 13ª edición das Xornadas de sensibilización sobre o dano cerebral adquirido, organizadas por Sarela, Asociación de Dano Cerebral de Compostela. Estas xornadas desenvolveranse os días 18 e 19 no centro comercial, en horario de 16 a 21 horas, e incluirán un mercadiño de pezas de artesanía realizadas con materiais elaborados por persoas con dano cerebral adquirido.
 
Nas xornadas participarán voluntarios e técnicos de Sarela, así como usuarios do centro de día da asociación e familiares. Entre todos responderán as preguntas e consultas sobre calquera dos ámbitos de traballo da asociación que os visitantes do centro comercial lles queiran formular.
 
Estas xornadas pretenden ser un punto de encontro formativo e informativo para sensibilizar á sociedade sobre a problemática do dano cerebral adquirido (DCA). Tamén se persegue dar a coñecer o labor da asociación e chamar a atención sobre a necesidade de previr o ictus e os accidentes de tráfico e laborais, que son as principais causas do dano cerebral.
 
Verbo de Sarela

Sarela ten como misión a mellora da calidade de vida das persoas con dano cerebral adquirido (DCA) e a dos seus familiares. O seu ámbito de traballo é a área sanitaria de Santiago de Compostela. A asociación foi constituída no ano 2000 por un grupo de familiares de persoas con DCA, que procuran apoio mutuo ao constatar a carencia de recursos públicos para a atención desta discapacidade. Sarela forma parte da Federación Galega de Dano Cerebral e da Federación Española de Daño Cerebral.