Un concurso para elixir a mellor receita deste inverno

17 de febreiro de 2015

Este xoves ás 20:00 celebrarase a final do I Concurso de Receitas de Inverno no histórico edificio da Fábrica de Santa Cristina.

Os tres finalistas do concurso gastronómico organizado pola Fábrica de Santa Cristina e patrocinado por Makro competirán este xoves por alzarse coa vitoria no I Concurso de Receitas de Inverno. Ao máis puro estilo MasterChef, presentarán os seus pratos diante do público para que poidan ser avaliados e se designe un gañador.

O concurso contará cun xurado de excepción formado por Inma Morandeira, presentadora do programa Sopa de Festa da TVG, Victor Blanco, autor do blog 'O Bandullo' e Isabel Fraga Blanco, bloguera gastronómica de La Voz de Galicia e Marcos Mateo, xerente de Makro na Coruña.

Trátase dunha nova iniciativa do destacado restaurante de Santa Cristina que, dende que foi asumido polo Grupo Carpe Diem, quixo renovar o proxecto cunha aposta pola profesionalización do equipo, a orientación ao cliente, a cociña de calidade e, sobre todo, a aposta de crear un espazo de innovación gastronómica para todos os públicos.

Como recoñecemento, a receita do gañador do concurso incluirase na carta do restaurante e cederase ao gañador unha parte do importe de cada un dos pratos que se consuman.