Graffiti e scratch na Semana da Cultura Urbana

05 de febreiro de 2015

A Semana da Cultura Urbana continúa no Centro Comercial As Cancelas co obradoiro de graffiti, de 18:30 a 20:30h. Na xornada de mañá teremos un obradoiro dobre: por unha banda, está o obradoiro de graffiti, de 17:30 a 19:00h; e pola outra banda, está o obradoiro de scratch, de 19:00 a 20:30h.

O graffiti continúa hoxe no Centro Comercial As Cancelas, ás 18:30h , e tamén mañá, ás 17:30. E non só temos graffiti, senón que tamén descubriredes o scratch, que consiste nunha técnica musical e rítmica propia do DJ ou turntablist que se emprega para crear sons a través do movemento dos discos de vinilo cada adiante e cara atrás. O obradoiro de scratching está impartido por Dj Webo e Dj Cro (Santiago de Compostela). Ambos son membros do grupo de Rap "504". Webo conseguiu o segundo posto na "DMC", Campionato Oficial de España de Turntablism, e Cro ten unha ampla traxectoria pinchando en grandes festivais, restaurantes e diferentes locais.

Os contidos do obradoiro de scratch, organizados pola asociación galega de cultura urbana Vella Escola, están relacionados coa familiarización coa mesa de mesturas e a súa estrutura, coa iniciación ás mesturas (uso do fader), coa aprendizaxe das técnicas e nocións básicas para conseguir unha boa mestura de sons, coas técnicas de scratching co vinilo e co ensino na práctica do manexo da mesa e dos pratos. Todo isto vaiche ensinar o que precisas para facer un bo scratching, polo que, se estás interesado, podes aprender paso a paso como se fai unha boa sesión deste arte urbano.

Scratch de Vella Escola con platos

Graffiti Vella Escola As Cancelas

No tocante ao graffiti, hoxe tamén estará Asten, que fará as súas demostracións en directo para todo o público. Finalmente, lembra que ás actividades da Semana da Cultura Urbana hai que engadir a exposición que dende o 30 de xaneiro está pública na Planta 2 y na que podes contemplar cinco graffitis de dimensións 2x4 metros realizadas polos artistas gañadores do certame "Xuventude Crea": Braisiño, coa súa obra “Estilo Salvaxe”; Buble, con “Movemento”; Abraham C., con “Liberdade”; Nada, con “Paxaro en man”, e Mene, con “Azúcar Glass”.

Todos os contidos que se imparten nos obradoiros podes consultalos nos dosieres que Vella Escola ten colgados no apartado "Descargas" da súa web www.vellaescola.com, con toda a información referente as actividades de scratching, graffiti, beatbox e outras áreas do mundo urbano, como é o caso dos obradoiros de danzas da rúa, capoeira e rap.

Agardamos a túa visita.