Comezan as Sesións Vermú en A Fábrica de Santa Cristina

08 de xullo de 2015

A terraza de A Fábrica acollerá eventos con música en directo os domingos de 13.00 a 15.00 h. Continúan, ademais, as reunións dos xoves e xa está en marcha o concurso de bandas de música.

Este domingo 12 de xullo dan comezo as Sesións Vermú de A Fábrica de Santa Cristina. Serán na terraza de 13.00 a 15.00 h durante xullo e agosto e irán acompañadas dun aperitivo e de música en directo.

A primeira actuación correrá a cargo de David el Cuerdas & K'landrakers que xa se encargou de inaugurar, con moito éxito, as Reunións dos Xoves que teñen lugar na Fábrica a partir das 22.00 h.

Ademais, xa está activo o concurso de bandas co que A Fábrica quere dar un empuxón ás bandas que están a empezar a súa andaina. O concurso estará activo no Facebook da Fábrica ata o 22 de agosto. O grupo máis votado tocará nas Reunións dos Xoves o 27 de agosto e recibirá 300 € de premio e unha cea no restaurante para todos os integrantes do grupo.

Trátase dunha nova iniciativa do destacado restaurante de Santa Cristina que, dende que foi asumido polo Grupo Carpe Diem, quixo renovar o proxecto cunha aposta pola profesionalización do equipo, a orientación ao cliente, a cociña de calidade e, sobre todo, a aposta de crear un espazo de innovación gastronómica para todos os públicos.