Celi, a mascota de As Cancelas, celebra o seu segundo aniversario cunha gran festa infantil o próximo sábado

04 de setembro de 2015

As tres plantas do centro comercial e o aparcadoiro exterior acollerán máis de 30 actividades gratuítas para nenos entre as 11 e as 21 horas do 12 de setembro. Paintball, pista americana, atraccións inchables, talleres, música, deporte e moito máis para gozar dun día dedicado aos máis pequenos.

O próximo sábado 12 de setembro As Cancelas celebra o segundo aniversario da súa mascota, o simpático extraterrestre Celi, ao que coñecen todos os nenos e nenas de Santiago grazas ás actividades do seu club, que conta xa con máis de 7.500 socios.

Entre as once da mañá e as nove da noite, as tres plantas do centro comercial converteranse nunha gran zona de xogos con paintball, pista americana xigante, atraccións inchables, talleres, carriños de algodón de azucre e de picados, e exhibicións deportivas e de danza a cargo de asociacións da cidade como Viravolta, Escola de Baile El TomaSón e IB Urban Dance Studio entre outras.

Ademais, no aparcadoiro exterior poderase gozar dun carrusel, un circuíto de minigolf e paseos de iniciación en pony organizados por Haras de Compostela, un dos centros hípicos máis veteranos da bisbarra con 18 anos de experiencia en actividades relacionadas coa equitación.

Todas as actividades do sábado son gratuítas. Os nenos e nenas que aínda non sexan socios do Club de Celi poderán inscribirse para recibir, nuns poucos días, o seu carné do club e un paquete de benvida.

Ás oito da tarde, todos os asistentes poderán subir á última planta do centro para felicitar a Celi e compartir coa mascota Das cancelas a súa gran torta de aniversario antes de rematar a festa.