As Cancelas reciclou 438 toneladas de residuos en 2014

16 de xuño de 2015

O Centro Comercial As Cancelas completa o seu compromiso co medio con talleres de reciclaxe e continúa coa exposición Planeta Reciclaxe ata o próximo domingo.

As Cancelas reciclou 438 toneladas de residuos durante o pasado ano 2014, das cales 382 toneladas son de papel e cartón; 19,2 de envases; 17,6 de plásticos; 6,8 de madeira e 12,4 de vidro. Estas toneladas recicladas equivalerían ao peso de 95 elefantes, 7 hipopótamos, 17 xirafas, 13 osos polares e 13 rinocerontes.

A implicación do centro comercial coa sostibilidade complétase durante este mes coa exposición Planeta Reciclaxe para concienciar sobre a importancia da reciclaxe e cun ciclo de actividades enfocadas en potenciar as súas oportunidades, que comezaron o venres 5 de xuño con motivo do Día do Medio e que se prolongarán ata este domingo 21 de xuño.

A planta 1 de As cancelas alberga unha Casa Reciclada, na que se recrea unha vivenda común con elementos reciclados que xogan un papel fundamental, tanto no relativo á decoración coma ao uso diario.

A exposición complétase cunha mostra de Robots Mariños, instalada na planta 2 e na que cobran vida unha serie de criaturas mariñas creadas con material reciclado. Estas figuras contan con mecanismos que se activan con sensores de movemento, permitindo ao público interactuar con elas.

Os talleres de reciclaxe teñen horario de 17 h a 20 h os venres e de 12 h a 14 h e de 17 h a 20 h os sábados e permitirán descubrir novas ideas relacionadas coa reciclaxe a partir de materiais que se poden encontrar en calquera fogar.